• Categoría de la entrada:Noticias

ABANCA e os comerciantes de Navia atopan novas fórmulas para impulsar as compras no barrio

· A entidade financeira e a asociación viguesa traballan conxuntamente nunha oferta de crédito para promover a posta en marcha ou a ampliación de negocios

ABANCA e a Asociación de Comerciantes de Navia renovaron o acordo de colaboración que manteñen en materia financeira grazas ao cal os comercios asociados terán á súa disposición condicións especiais nos servizos bancarios empregados na súa actividade.

O presidente dos comerciantes de Navia, Jacinto Fernández, e o director de zona de ABANCA en Vigo Metropolitana, Héctor Martínez, rubricaron un acordo que confirma o apoio de ABANCA aos empresarios galegos en xeral, e deste barrio vigués en particular.

O protocolo contribúe ao desenvolvemento da actividade dos comerciantes poñendo á súa disposición os produtos e servicios financeiros máis adecuados para dar resposta as súas necesidades, e contando coas mellores condicións.

Así, destacan os préstamos para anticipar subvencións ou aprazar o pago de impostos, sen xuros ou comisións.

O texto tamén recolle outras opcións de financiamento a través de pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, avais ou liñas de desconto comercial.

Así mesmo, para facilitar a competitividade dos asociados, a clientela terá a súa disposición o servizo de financiamento no punto de venta de ABANCA, o chamado APRAZOS. Grazas a este servizo pódense financiar as compras de forma rápida, sinxela e económica.

O texto asinado tamén recolle unha oferta mellorada para a contratación de TPV (Terminais Punto de Venda) da entidade e Bonos que permiten que os negocios paguen unha cantidade fixa todos os meses, incluíndo un volume de vendas pactado que se corresponde co que os comercios estiman facturar anualmente a través do TPV.

· Os empresarios asociados beneficiaranse de mellores condicións na contratación de produtos e servizos do banco galego

Do mesmo xeito, os empresarios pertencentes a esta asociación poderán acceder ás fórmulas de financiamento oficiais incluídas nos convenios que a entidade financeira mantén con diversos organismos públicos.

ABANCA está adherida á liña de convenio ‘Empresas e Emprendedores’ co ICO, mediante o cal as empresas poderán dispoñer de recursos financeiros para acometer os seus proxectos de investimento e cubrir as súas necesidades de liquidez no ámbito doméstico.

Tamén poderán gozar das vantaxes do acordo do banco coas sociedades galegas de garantía recíproca.

Así mesmo, os comerciantes de Navia poderán beneficiarse das vantaxes do Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingreso de cheques ou outros servizos habituais.

ABANCA poñerá ademais a disposición da asociación o seu servizo de banca electrónica. A Asociación de Comerciantes de Navia naceu co obxectivo de representar, defender e promocionar os intereses económicos, sociais, profesionais e culturais das empresas deste barrio de nova creación.

Doutra banda, ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas na comunidade e cunha oferta adaptada a autónomos e pemes.